• Este é o blog de Sementar, unha asociación que pretende darlle vida ao convento de Herbón e aproveitar as súas posibilidades para desenvolver proxectos ambientais, sociais e culturais, relacionados principalmente coa agricultura e a gandería ecolóxicas e a recuperación do patrimonio.

Subimos a Castro Valente?

Esta fin de semana imos facer unha pequena gran viaxe que hai tempo que tamén nos ten comida a cabeza. Se queredes subir con nós ata Castro Valente non tedes máis que estar o sábado ás 10.30 na carballeira dos franciscanos de Herbón. Se antes de ir queredes saber algo máis, non atopamos pola rede quen nolo contara mellor que Manolo Gago. Mais de seguro que a nosa amiga Nina Alvela tamén nos ha descubrir cousas ben interesantes do que agocha no seu cumio ese monte que temos tan preto e do que tan pouco coñecemos. Esta non será unha excursión sen máis, vinde con nós e comprobarédelo!

Falando do futuro!

Roberto estivo no Preguntoiro de Correo TV falando dos proxecto de Sementar, AGACS, AMIPA, Viravolta, do Seminario Galego de Educación pola Paz… falando do futuro, falando en definitiva do que realmente interesa. Se non o puidéchedes ver, aquí vos deixamos os 15 minutos desta entrevista… aínda habedes descubrir algunhas cousas ben interesantes.

 

Xustiza por Alma!

Agradecemos a todas as persoas que hoxe nos acompañastes camiñando ata Padrón que vos sumárades a esta marcha, e como non, aos seus organizadores, o Club de cans de familia Só lles falta falar, que convocou este acto e tamén á Asociación Abeiro. Temos que agradecerlle o seu apoio a outras moitas persoas que ao longo do día tiveron que desculpar a súa ausencia. Sentimos non ter informado a aqueles que nos fixéchedes chegar que vos gustaría ter estado con nós.

Por que fomos ata Padrón? Aquí cho contamos:

Xustiza por Alma!
Sumámonos hoxe a esta marcha organizada polo club de cans de familia ‘Só lles falta falar’. Reclamamos xustiza polo asasinato de Alma, unha cadela de pastor alemán que vivía no Convento franciscano de Herbón e á que alguén, nun infame acto de covardía, decidiu quitarlle a vida.

Alma non era unha cadela máis. Participaba en programas de acompañamento e terapia con persoas con necesidades especiais que precisaban dela e que, coma nós, hoxe esixen que se faga todo o posible por dar cos culpables desta barbarie.

O seu envelenamento non foi unha arroutada provocada por unha persoa que perdese o control nun momento dado. Foi un acto premeditado! O superior do convento de Herbón recibira, semanas atrás, chamadas anónimas ameazando con isto. Dez días antes xa se producira un primeiro envelenamento, mais daquela Alma conseguira sobrevivir. Pero o cebo envelenado que inxeriu o pasado 4 de marzo foi fulminante.

“O maltrato animal é, á vez, un factor que
predispón á violencia social e, ao mesmo
tempo, unha consecuencia da mesma”
Nelly Glatt F. Psicoterapeuta

Xustificado por? Non!!! Vinculado a…
Non existe xustificación posible ante este acto! Non poden existir motivos para facer algo así! Pero é evidente que temos que vincular o sucedido ao que está acontecendo en Herbón.

Por incrible que poida parecer esta canallada está relacionada coa apertura dun expediente no que se solicita a declaración do Convento franciscano de Herbón como Ben de Interese Cultural.

Custa crelo non? Dámosche algunhas claves, para que poidas entendelo mellor.
04/03/2012   Logo dun primeiro intento fallido, Alma é envelenada. O superior franciscano do convento de Herbón, Roberto Freire, apunta entón ao alcalde do Concello de Padrón como “culpable moral do que está acontecendo (…) desde o primeiro momento pedinlle que explicase claramente as cousas, que o que estaba dicindo non respondía á verdade”.
Antes disto…
24/02/2012 Alma é envelenada por primeira vez, coincidindo coa noite na que se celebra un crispado pleno no Concello de Padrón. Varios grupos políticos da oposición levaban a el unha serie de preguntas en relación co BIC. Foi unha boa oportunidade para que o goberno padronés aclarase o que non aclarou, unha oportunidade perdida para calmar e reconducir a situación.
E días antes…
30/01/2012 A Asociación Sementar solicita a participación do alcalde de Padrón nunha reunión informativa con todas as entidades solicitantes da declaración de BIC para dialogar e poñer punto final a unha situación que comezaba a converterse nun serio problema de conflitividade entre a veciñanza de Herbón. O Alcalde rexeita participar (nota escrita e selada no Concello).

Por que era necesaria esa reunión?
Para dialogar e poñer punto final a unha situación que ía camiño dun problema de conflictividade entre a veciñanza de Herbón: presións, calumnias persoais e sobre todo, moita desinformación e mentiras arredor dun BIC do que se contaba de todo, menos o que era certo.

23/01/2012  Todo comezou este día. O goberno de Padrón convoca a ‘algúns veciños’ con propiedades na área de protección que a Dirección Xeral de Patrimonio marcou arredor do BIC do convento de Herbón. Comunícalles que o Concello presentará alegacións para ‘protexer’ as súas propiedades e plantacións de pementos dos supostos inconvenientes que o BIC pode causar.

A incoación do expediente BIC
27/09/2011 O Consello da Xunta de Galicia aproba a incoación do expediente de declaración como Ben de Interese Cultural do Convento franciscano de Santo Antonio de Herbón.
31/10/2011  Publícase no Diario Oficial de Galicia
23/11/2011 Resolución publicada no BOE.  Ábrese un período de información para que cantas persoas teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que estimen conveniente. O prazo pecha en decembro. O Concello presenta as alegacións en febreiro de 2012.

Quen solicita o BIC?
O Seminario Galego de Educación para a Paz, a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, a Sociedade Cooperativa Viravolta e a Orde Franciscana.
Por que?
Para poder acceder ás axudas que permitan rehabilitar unha parte do edificio que a comunidade franciscana cedeu a estas entidades, a raíz de convenios asinados en 2009, co fin de que leven a cabo nese espazo os seus proxectos.
Que proxectos?
Seminario Galego de Educación para a Paz: posta en marcha do Lar da Paz de Herbón- Centro Internacional para a Paz (espazo para actividades escolares, de actos da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC…).
Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago: albergue de peregrinos de Santo Antonio no Camiño Portugués (xa en funcionamento) e proxecto para o Centro de Estudos Xacobeos.
Viravolta: centro de atención terapéutica para menores que precisan servizos de inclusión social.

Entre as sinrazóns deste conflito…

  • Un goberno local que é informado directamente ao longo de 2011 da tramitación dun expediente, pero que agarda a que se cumpran os prazos marcados pola normativa para alegar en contra dun BIC e para defender determinados intereses particulares.
  • Unhas alegacións que se basean na defensa do cultivo do pemento para solicitar a redución dunha área de protección.
  • Unha área de protección, contra a que alega o Concello sen explicarlle á veciñanza que esa zona non foi solicitada polas entidades que pediron o BIC e si decidida pola propia Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.
  • Veciños que aínda que levan 30 anos convivindo con outro BIC -o da igrexa parroquial de Santa María de Herbón- pensan agora (porque alguén lle lo contou) que na área de protección deste outro BIC non poderán construír nada, nin plantar nada, que terán que rodear os seus invernadoiros de tullas e mesmo que non poderán nin traballar as súas terras!
  • Un alcalde que chega a cuestionar o traballo dun prior polos “problemas” que está causando. Só levaría razón se estivese a afirmar que a defensa do patrimonio, converter un convento nun espazo para o dinamismo social e cultural, para espallar a cultura da Paz, para o traballo con persoas con discapacidade intelectual ou para o fomento da agricultura ecolóxica… sexan considerados “problemas”.

Sobre a incoación do expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural do Convento de Santo Antonio de Herbón

Comunicado de prensa enviados aos medios o 26/01/2012

O pasado luns día 23 de xaneiro o Concello de Padrón convocou a unha parte da veciñanza de Herbón a unha reunión informativa. Motivaba esta xuntanza a apertura dun expediente, por parte da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, para a declaración do convento franciscano de Santo Antonio de Herbón como ben de interese cultural.

Con posterioridade a esta xuntanza socias e socios de Sementar veñen recibindo, nos últimos días, unha serie de presións e calumnias persoais por parte dalgúns veciños e veciñas, feitos que só se explican pola desinformación que existe arredor de como se tramitou este expediente.

Para que a veciñanza poida ter información veraz, e non interesada, en relación con este tema, Sementar presenta este comunicado público, no que aclara os malentendidos que se estenderon entre días entre os veciños de Herbón.

ANTECEDENTES

INCOACIÓN DO EXPEDIENTE

Xoves 27 de outubro de 2011: o Consello da Xunta de Galicia aproba a incoación do expediente de declaración como Ben de Interese Cultural do Convento franciscano de Santo Antonio de Herbón.

Luns 31 de outubro de 2011: o Diario Oficial de Galicia publica a Resolución do 5 de outubro de 2011, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultu­ral, pola que se incoa expediente para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de monumento, en favor do convento franciscano de Santo Anto­nio de Herbón, no termo municipal de Padrón.

Mércores 23 de novembro de 2011: a resolución sae publicada no Boletín Oficial do Estado.  Ábrese, a partir daquela, un período de información para que cantas persoas teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que estimen conveniente.

MOTIVACIÓN DA APERTURA DO EXPEDIENTE

En decembro de 2009 a Provincia Franciscana de Santiago asinara unha serie de convenios coa Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, o Seminario Galego de Educación pola Paz e a Sociedade Cooperativa Galega Viravolta. Grazas a estes acordos, estas tres entidades iniciarían unha serie de reformas no edificio do convento franciscano de Herbón, en Padrón, co fin de establecer nel os seus futuros centros de actividades e traballo.

A apertura do expediente para declarar o Convento de Herbón como Ben de Interese Cultural parte do Seminario Galego de Educación para a Paz, da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, da Sociedade Cooperativa Viravolta, e do Convento de Herbón. As entidades mencionadas deron este paso para poder optar ás axudas do 1% Cultural para rehabilitación do devandito convento e para poder así levar a cabo os seus proxectos en Herbón.

Cómpre sinalar, neste punto, que a Asociación Sementar, malia ter a súa sede no convento de Herbón –que é centro das súas actividades desde a súa constitución, a finais de 2008- non financiou o informe presentado á Dirección Xeral de Patrimonio para a incoación do BIC nin forma parte do grupo de entidades que realizaron esta solicitude.

CONVOCATORIA DE XUNTANZA POR PARTE DO CONCELLO DE PADRÓN

Na semana do 16 ao 22 de xaneiro, o Concello de Padrón convocou formalmente aos representantes da oposición no Pleno municipal a unha xuntanza, que tivo lugar o pasado luns 23 no salón de Plenos do Concello. Salientar que nesta convocatoria non se facía mención a que, á mesma, estaban tamén convocados algúns veciños da parroquia.

É necesario aclarar que a convocatoria desta xuntanza non se levou a cabo coa mesma formalidade no caso dos veciños e veciñas con propiedades na zona afectada pola declaración do BIC. Foi, pola contra totalmente irregular e aleatoria: algunhas persoas foron avisadas vía telefónica ou verbal, outras persoas con propiedades na zona non foron convocadas, só algunha das entidades solicitantes do BIC foi avisada (na propia data) e, fundamentalmente, omitiuse a convocatoria á representación da casa franciscana de Herbón.

No transcurso desta reunión, o Concello de Padrón manifestou o seu interese por tomar a iniciativa nas alegacións veciñais, co fin de reducir a zona de afectación da declaración de BIC ao entorno máis inmediato do convento franciscano. Informou así aos veciños de que o Concello presentará alegacións á solicitude que tramita a Xunta de Galicia, convidándoos a que, á marxe das lexítimas alegacións a título individual, se sumasen ás presentadas polo Concello.

QUE DESCOÑECE A VECIÑANZA?

A falta de información podería estar detrás dos malos entendidos e dúbidas que se crearon entre a veciñanza.

Sementar bota de menos que os veciños e veciñas teñan información clara e precisa sobre que implicaría realmente a declaración de BIC. Sobre todo, insiste en que a área de protección do Convento de Herbón non afecta a unha área moito maior da que, de por si, xa estaba regulada por normas anteriores: os usos do chan nesta zona xa están tamén regulados no vixente plan de Urbanismo do Concello de Padrón, de 1994, e existen tamén, previamente, as proteccións propias das marxes do río Ulla e a delimitación do Plan Especial de Protección da Igrexa de Santa María de Herbón (desde 1982).

ACONTECEMENTOS POSTERIORES Á REUNIÓN CONVOCADA POLO CONCELLO

Desde o pasado luns 23 socios e socias de Sementar veñen recibindo unha serie de presións veciñais que non teñen fundamento algún. Sementar pensa que esta situación se pode deber ben á falta de información que existe, ben á circulación de información interesada por parte de determinadas persoas. Non comprende, por exemplo, porque algunhas persoas decidisen amosar publicamente actas de constitución da Asociación Sementar (do ano 2008), acusando ás persoas que asinaran aquela constitución no seu momento de que foron esas as sinaturas para a solicitude do BIC.

Sementar descoñece de onde puideron saír as copias desas actas, que só figuran na súa propiedade e en rexistros públicos, e que nada teñen que ver coa cuestión do BIC e si coa xestión interna da asociación. O feito de que circulen como supostas probas da súa implicación nesta cuestión só proba a irracionalidade e a falta de lóxica que rodea a esta situación.

CONCLUSIÓNS

 Ante estas cuestións Sementar quere manifestar, e deixar claro, as seguintes cuestións:

  1. Sementar non é unha das entidades que financiou o informe elaborado para que Patrimonio incoase o expediente do BIC. A factura do pago deste informe serve de proba oficial e válida desta afirmación.
  2. Os socios e socias de Sementar respectan totalmente que os veciños e veciñas, así como o Concello de Padrón, no pleno exercicio dos seus dereitos, presenten toas as alegacións que estimen oportunas ao BIC.  
  3. Os socios e socias de Sementar esixen ao Concello de Padrón e á Dirección Xeral de Patrimonio que expliquen con claridade e obxectividade a todos os veciños e veciñas que é o que realmente implica a apertura deste expediente e cales son as entidades que o promoven. Solicita, ademais, que a convocatoria de calquera tipo de xuntanza en relación con esta cuestión se faga formalmente e comunicándollo a todas as persoas implicadas, sen escollas previas de ningún tipo.
  4. Sementar convida a unha reflexión sosegada, racional e intelixente ás persoas que nestes últimos días ameazaron e calumniaron aos seus socios e socias. Pídelles que, se así o consideran, utilicen as vías legais que teñen á súa disposición para presentar as súas alegacións, sen perturbar a convivencia pacífica dos veciños e veciñas de Herbón.

Concerto de Nadal con Follas Novas

Inauguramos o tempo de Nadal en Herbón o vindeiro sábado día 3. Ás 20:00 horas, na igrexa do convento dos franciscanos, actuará a coral polifónica Follas Novas, da Coruña. Esta agrupación, que na actualidade dirixe Pedro Castro, creouse no ano 1930 e toma o nome da célebre obra da nosa poetisa Rosalía de Castro. Está composta por 50 voces mixtas e ten no seu haber, entre outros galardóns, o primeiro premio de interpretación no Festival Folklórico Internacional de Braga ou o primeiro premio do Certame Galego de Masas Corais de Lugo. No seu repertorio inclúense obras de moi diferentes autores, algunhas delas xa esquecidas, que foron incorporando aos seus programas de concertos realizando unha importante labor de investigación da música coral de todas as épocas. Para saber máis desta agrupación podedes visitar ttp://www.coralpolifonicafollasnovas.com ou, mellor aínda, acompañarnos o vindeiro sábado a gozar da súa actuación!

Reportaxe realizada pola Televisión de Galicia co gallo da celebración anual dos Encontros de Panxoliñas que organiza Follas Novas, desde 1990.

As imaxes dunha xornada especial

Onte démoslle unha volta á aldea e, en pouco menos de dous quilómetros, descubrimos un mundo! Grazas a Manolo, a Fran, a Mila, a María, a Carlos e a José María por transmitirnos o voso coñecemento sobre aquelas cousas nas que sodes sabi@s e das que vos sentides orgullos@s (pero sobre todo por facelo coa humildade que vos caracteriza). Grazas tamén a todo o equipo de Espazos Sonoros por animarnos a organizar esta andaina e traernos de novo un concerto de luxo a Herbón. Grazas a Quadriga Consort por regalarnos a vosa música, a Isabel e Rober por botarnos de novo unha man na cociña, aos mozos de AMIPA por todo o que nos axudastes outravez con todo, ás nosas socias de Sementar porque nunca entrades coas mans baleiras, a Nel e Javi por ‘decorarnos’ de novo a merenda e, como non, a Roberto, por abrir as portas da casa, que ao fin e ao cabo é o que fai posible todo o demais…

Tamén, por suposto, ás persoas que nos acompañáchedes onte, porque a curiosidade que demostráchedes por coñecer este anaco de terra e o respecto co que vos achegastes a ela e ás súas xentes son, xunto con estas imaxes, o mellor recordo que gardamos desta xornada, e o que nos anima a ir pensando na próxima!

Un camiño de emocións desde Herbón ata as illas británicas

Por segundo ano consecutivo temos a fortuna de contar de novo en Herbón cunha actuación enmarcada no ciclo Espazos Sonoros. Este sábado día 10, ás 20:00 horas, a igrexa do convento franciscano vai acoller o concerto de Quadriga Consort, grupo revelación dos últimos anos dentro do mundo da música antiga. Da man do clavecinista austríaco Nikolaus Newerkla, este grupo fíxose un nome propio, interpretando música tradicional das illas británicas, reinventada a través de novos e orixinais arranxos e empregando instrumentos renacentistas e barrocos.

Pero antes desta viaxe musical ás illas británicas, faremos outra máis próxima, pero non por iso menos emocionante. Ás 16:30 horas saímos a pé do convento de Herbón para camiñar xuntos un anaco parando na igrexa parroquial de Santa María de Herbón, xoia románica da segunda metade do s. XII. Baixaremos á beira do Ulla para coñecer as pesqueiras de lamprea e tamén, como non, algunha plantación de pementos que nos quede no camiño de volta ao convento.

Nestes lugares, e nalgún outro que reservamos en segredo, teremos a sorte de atopar a veciños e veciñas destas terras que, nestas paradas, nos han falar destes espazos, de arte, de arquitectura, da pesca no Ulla, do cultivo do pemento e de horta, das iniciativas que se están levando adiante na casa franciscana de Herbón, entre eles a do hospital de peregrinos da Asociación Galega de Amigos do Camiño.

Unha oportunidade única para que os que non coñecedes estes espazos e os proxectos de futuro que esconden vos achegedes a eles por primeira vez, pero tamén para todos os que os cremos coñecer, porque sempre atoparemos alguén que, no camiño, nos descubra novos mundos dentro daquel que temos máis próximo.

Se vides camiñar con nós non esquezades traer un calzado axeitado e moitas ganas! O camiño non será longo -aproximadamente 2.5 quilómetros- pero asegurámosvos que vai dar para moito!!

Para convencervos aínda máis deixámosvos un vídeo promocional no que poderedes ver algunhas das imaxes da edición de Espazos Sonoros de 2010 e do seu paso por Herbón:

Volvemos ás brañas!

Convidámosmos a que este sábado, día 2, nos acompañedes de novo a gozar dun espazo natural privilexiado que, a pesar de ter tan preto, moitos e moitas de nós non tivemos aínda ocasión de coñecer como deberiamos. Logo do roteiro guiado polas brañas de Laíño que gozamos hai agora xusto un ano quedounos ganas de máis, sobre todo de coñecer a outra parte das brañas que non visitamos aquel día, de Dodro a Padrón. Acompañados/as de novo do profesor Manuel Lorenzo Baleirón -un gran coñecedor da historia, das tradicións e do hábitat natural deste espazo- percorreremos desta vez a outra parte das brañas, a que vai desde a área recreativa do Bosque, en Dodro, ata Padrón.

Esperámosvos este sábado día 2 ás 9.30 da mañá na área do Bosque, en Dodro. Podedes traer algo para o xantar (comeremos ao rematar a xornada), auga, botas para a lama, sombreiro para o sol… e todo o queirades pero principalmente moitas ganas de andar (son aproximadamente uns 10 quilómetros) e de coñecer as brañas!! Remataremos a xornada a iso das 14.30 horas. Se aínda non estades convencidos/as deixámosvos esta ligazón para que poiades descargar unha fermosísima guía editada por Verdegaia na que atoparedes moita información sobre as brañas de Laíño, un dos espazos húmidos máis extensos, descoñecidos e de maior valor ambiental do noso país, e non só pola súa biodiversidade, tamén pola súa historia e etnografía. E para convencervos aínda máis tamén vos deixamos imaxes da primeira visita ás brañas, o 3 de xullo de 2010. Ah! e se aínda vos quedan dúbidas, xa sabedes que podedes chamarnos ao 617 260 670 para resolvelas todas, ou mandarnos un correo electrónico a sementar@gmail.com.

Curso de cociña para nenos e nenas

Achegar aos nenos e nenas ao mundo da cociña dun xeito práctico, didáctico e divertido. Este é o obxectivo que buscamos con este curso de cociña que organizamos en Sementar para este sábado día 30, entre as 17:00 e as 19:00 horas da tarde. Será na cociña do convento de Herbón e sen custe algún. Tampouco é necesario traer nada, ben, se acaso un mandil para non mancharse moito! Os pais e nais que desexen agardar aquí a que os seus fillos/as rematen o curso poden quedar con nós no recinto e acompañarnos nunha visita guiada pola horta e o edificio do convento franciscano de Herbón. Apuntádevos xa porque temos un número limitado de prazas (20) que asignaremos por orde de inscrición. Podedes facela, como de costume, no 617 260 670 ou mandando un correo a sementar@gmail.com

Obradoiro de restauración artística

Terceira xornada, para as persoas que asistíchedes á primeira e á segunda, o vindeiro sábado 30 de abril a partir das 10.00 da mañá.

Segunda xornada, para as persoas que asistíchedes á primeira, o vindeiro sábado 9 de abril a partir das 10.00 da mañá.

A recuperación dos bens artísticos do convento de Herbón foi unha das liñas de traballo que trazamos no proxecto de Sementar. Nela, situamos o obradoiro de restauración de arte que comezaremos durante a primeira quincena de marzo (coa data aínda pendente de confirmar).

O noso amigo Javier Tembra, un bo coñecedor das técnicas de restauración de arte, achegaranos nunha primeira xornada unha serie de coñecementos teóricos sobe esta disciplina. Falaranos das técnicas, dos materiais, de como foron cambiando certas prácticas ao longo do tempo, de como identificar os problemas concretos que pode presentar unha peza… Ao remate desta primeira parte, analizaremos e valoraremos con el o estado de conservación das tallas que se atopan no claustro vello do convento, as primeiras que trataremos de recuperar. Será baixo a súa dirección e coa axuda daquelas persoas que, logo desta primeira xornada, amosen o seu interese por asistir a novas convocatorias deste obradoiro.

Se che gusta a arte e queres aprender algo sobre estas técnicas e colaborar con nós na recuperación do patrimonio desta casa, déixanos un correo en sementar@gmail.com ou danos unha chamada ao 617 260 670. Acabamos de confirmar a data deste primeiro encontro, que será o vindeiro sábado día 5 de marzo a partir das 10:00 da mañá (ata o mediodía).

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.