Escollemos unha proposta diferente e sorprendente para o terceiro Concerto de Nadal de Sementar. O vindeiro sábado 18 de decembro, ás 20:00 horas, a música volve á igrexa do convento dos franciscanos de Herbón coas voces do Coro da Rá.

Trátase dunha agrupación vocal a cappella que utiliza o teatro e a performance para cantar en calquera situación e lugar. O repertorio musical vai do soul, ao funky, pasando polo gospel, samba, calipso e ata a dance-music.
A Rá é o coro residente da escola de música Estudio, de Santiago de Compostela. Foi fundado no ano 1993 polo que é o seu director desde entón, Ramón Bermejo e conta cun cadro de 60 voces mixtas formado por cantantes profesionais, músicos, actores, fotógrafos, estudantes, ensinantes, funcionarios, autónomos, desempregados e un químico.
Nos últimos tempos a súa actividade foi multiplicándose, abarcando galas, concertos, performances, concertos didácticos, gravacións, curtametraxes e spot comerciais.
A característica que diferencia a este coro doutros son as súas intervencións, chamadas “Concertos Comando”. Trátase de breves actuacións que teñen lugar de xeito espontáneo e por sorpresa en calquera lugar ou situación: pola rúa, nun mercado, nunha rolda de prensa, nun concerto, etc. Ao aspecto musical engádense elementos teatrais: pequenos sketches, accións extravagantes e a caracterización dos cantantes. Iso multiplica o entretemento e aumenta a conexión co espazo no que se realiza a acción. O resultado é a sensación de que a música está a xurdir da realidade de maneira espontánea.
Sobre estes ‘Concertos Comando’ tedes boas mostras na rede, pero se o que queredes e gozar xa do espectáculo que ofrecen en directo estes homes e mulleres non tedes máis que achegarvos o sábado a Herbón. Contamos con vós como sempre!
(Concerto de Nadal 2008 /Concerto de Nadal 2009)
Arquivado en: Uncategorized
