No verán de 2013, mentres gozabamos dun dos concertos das Notas do Pemento, viñeron pousar no claustro vello do convento un grupo de paxaros. E cando a moza á que escoitaban, tan atónitos coma nós, llo pediu, eles cantaron. Soubemos naquel momento que ben pagaría a pena pedirlle a Esperanza Mara que volvese por Herbón. Daquela viñera cos seus compañeiros Guilherme Barroso e Thiago Vaz (Ensembre Rosa del Ciel), desta vez, tráenos “Romances Antigos” con Antonio da Luigi (alaúde e tiorba) e Marie Barbier (frautas de pico).
O grupo naceu no seo académico, concretamente na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo de Oporto, que foi onde a noiesa Esperanza Mara coñeceu a esta frautista francesa e ao instrumentista de corda pulsada italiano. Logo dun intercambio persoal e musical activo decidiron afirmarse como grupo baixo o nome de “Romances Antigos”.
O programa deste concerto encádrase entre a época medieval e os albores do barroco. Son poucos os concertos onde se pode apreciar o camiño entre estas épocas. A través das cantigas de amigo, do cancioneiro de Elvas ou mesmo da Nuove Musique de Caccini estes tres músicos expremen as moitas diversas formas de contar unha historia. Neste concerto estarán presentes manifestacións artísticas que foron feitas naquela altura nos seus tres países de orixe, unindo así as nosas nacións a través da nosa linguaxe común, a música.
Eles son os nosos convidados para o sétimo concerto de Nadal de Sementar, o vindeiro venres 19 ás 9 da noite na igrexa do convento franciscano de Herbón. Non faltedes!
Filed under: Uncategorized |
Deixar unha resposta