• Este é o blog de Sementar, unha asociación que pretende darlle vida ao convento de Herbón e aproveitar as súas posibilidades para desenvolver proxectos ambientais, sociais e culturais, relacionados principalmente coa agricultura e a gandería ecolóxicas e a recuperación do patrimonio.
  • O noso Facebook

Romances para o Nadal

No verán de 2013, mentres gozabamos dun dos concertos das Notas do Pemento, viñeron pousar no claustro vello do convento un grupo de paxaros. E cando a moza á que escoitaban, tan atónitos coma nós, llo pediu, eles cantaron. Soubemos naquel momento que ben pagaría a pena pedirlle a Esperanza Mara que volvese por Herbón. Daquela viñera cos seus compañeiros Guilherme Barroso e Thiago Vaz (Ensembre Rosa del Ciel), desta vez, tráenos “Romances Antigos” con Antonio da Luigi (alaúde e tiorba) e Marie Barbier (frautas de pico).

O grupo naceu no seo académico, concretamente na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo de Oporto, que foi onde a noiesa Esperanza Mara coñeceu a esta frautista francesa e ao instrumentista de corda pulsada italiano. Logo dun intercambio persoal e musical activo decidiron afirmarse como grupo baixo o nome de “Romances Antigos”.

O programa deste concerto encádrase entre a época medieval e os albores do barroco. Son poucos os concertos onde se pode apreciar o camiño entre estas épocas. A través das cantigas de amigo, do cancioneiro de Elvas ou mesmo da Nuove Musique de Caccini estes tres músicos expremen as moitas diversas formas de contar unha historia. Neste concerto estarán presentes manifestacións artísticas que foron feitas naquela altura nos seus tres países de orixe, unindo así as nosas nacións a través da nosa linguaxe común, a música.

Eles son os nosos convidados para o sétimo concerto de Nadal de Sementar, o vindeiro venres 19 ás 9 da noite na igrexa do convento franciscano de Herbón. Non faltedes!

cartel_romances_antigos_sementar

E para pechar as Notas música “Do divino e mundano” co grupo 1500

Este venres pecharemos por todo o alto esta II edición d’As Notas do Pemento coa actuación do Grupo de Música Antiga 1500, que nos traen a Herbón o programa musical “Do divino e mundano – Unha peregrinaxe sonora do século XIII ao XVI”.
1500
1500

Dirixido por Andrés Díaz, o Grupo 1500 é unha formación vocal e instrumental adicada á interpretación da música antiga. O seu repertorio abrangue dende a música composta nos séculos centrais e finais da Idade Media, até a música do Renacemento e primeiro Barroco, tomando como referente central o ano 1500, que da nome ao grupo. Os e as e compoñentes de 1500 contan cunha ampla traxectoria concertística, sendo membros ou colaborando con outras formacións de ámbito nacional e internacional, e teñen ofrecido numerosos concertos en Galiza, España e no resto de Europa. Na interpretación e elaboración dos diferentes programas, o grupo busca o máximo rigor histórico e conceptual, empregando, ademáis, un amplo repertorio de instrumentos medievais e renacentistas.

Ademáis da súa actividade concertística, 1500 desenvolve outro tipo de proxectos relacionados coa música, dende a súa concepción e deseño, até a súa execución: bandas sonoras para audiovisuais e teatro (1500 prestou a banda sonora para a curta Cadea Perpetua ou os documentais O Mariscal e Cetreiros do Século XXI), concertos, guías e materiais didácticos e concertos monográficos de temática específica para diversas conmemoracións.

Dende a súa creación, o grupo ten ofrecido numerosos concertos nos máis diversos ciclos e festivais como o Festival Espazos Sonoros edicións 2008 e 2012, a Festa da Istoria de Rivadabia, o Ciclo Músicas na Compañía da USC, o Ciclo de órgano de Xunqueira de Ambía, o Ciclo da Semana Santa de Foz, Ciclo da Semana Santa de Ourense, na Celebración do Centenario de San Rosendo, no Ciclo de concertos do Museo de Belas Artes da Coruña, no Festival Internacional de Músicas da Itinerancia de Compostela, Festa da Arribada en Baiona, o Ciclo de Música nas Ruínas de Pontevedra, no Ciclo Monumenta da Consellería de Cultura e innumerables escenarios de toda a xeografía galega. Recentemente o grupo actuou na basílica de San Pablo da cidade francesa de Narbonne.

Non vos perdades este venres, ás 20:30, o concerto de 1500 da man de:

  • Pablo Nieves (voz)
  • Belén Bermejo (voz, percusión e organetto)
  • José Ignacio Castro (sacabuxa e frautas)
  • Víctor Blanco (guitarra barroca, guitarra renacentista e arpa)
  • Roberto Santamarina (fídula e violín barroco)
  • Andrés Díaz (frautas, chirimía, baixón, vihuela e guitarra renacentista)

Para que vaiades abrindo apetito coa música de 1500 aquí vos deixamos este vídeo dunha das súas actuacións. Se ademais vos entran ganas de probar uns pementos… entón teredes que pasarvos estes venres por Herbón!

Herbens Consort volve á casa

En xullo de 2013 debutaba Herbens Consort como grupo residente destas Notas do Pemento. Daquela, e aquí, polo Consort comezou todo. E vaia como comezou! Xuntáranse para a ocasión, na horta do convento, Indra Sesti di Lucca (soprano), Eliseu Mera (barítono), Diego Rojo (arquilaúde) e Carlos García Amigo (viola da gamba e dirección musical).

Esta semana, polo que nos van contando, e logo dun ano repleto de actuacións, ensaian ata 10 músicos para un concerto que coincidirá coa xornada festiva do San Benito en Herbón.

Entre nós, xa pouca presentación precisan. Para os que aínda non tivestes ocasión, aquí podedes coñecer o grupo algo mellor http://herbensconsort.com. Para escoitalos en directo, que é o que cómpre, este venres, ás 20:30, na igrexa do Convento de Herbón.

O grupo residente das Notas volve á casa. Aquí agardamos con ansia e pementos que volvan coas súas Notas!

herbensconsort

Aínda cos ecos do primeiro concerto

Moito gozamos o venres do primeiro concerto das Notas! Van de novo os nosos parabéns a José Antonio Campo e Severino Ortiz polo magnífico recital que nos ofreceron no refectorio do convento. Ceamos da mellor música no mesmo escenario no que os franciscanos celebraron xantares e ceas durante séculos. O menú non puido ser máis gorentoso, e repetimos canto quixemos!!

Aquí vos deixamos unhas imaxes do que deu de si o primeiro pase das Notas do Pemento. Mentres preparamos o segundo, seguimos por aquí recollendo felicitacións para trasladarlle a José Antonio e Severino, tanto dos que estiveron en Herbón esa noite como daqueles aos que agora lles van chegando os ecos. Xa sabedes, repetimos o venres 11!

 

O pase de diapositivas require JavaScript.

Presentamos a programación 2014 das Notas do Pemento!

O pase de diapositivas require JavaScript.

Logo do éxito que tivo o I Festival As Notas do Pemento, temos lista a segunda edición! Esta mañá o noso socio e amigo Roberto Freire, a coordinadora de Sementar, Pilar García, e Milagros Piñeiro, tamén socia de Sementar e da SAT A Pementeira (empresa colaboradora), presentaron o cartel da edición 2014 das Notas.

De novo música e pementos para as tardes dos venres de xullo, con catro concertos que combinarán recitais líricos, música barroca, antiga…

Nesta edición do festival, que volvemos a organizar para vós, o cartel está integrado por José A. Campo (tenor) e Severino Ortiz (piano), que acturán o 4 de xullo; Herbens Consort, que o fará o 11 como grupo residente do festival; Roberto Alonso (violín) e Samuel Diz (guitarra) o venres 18 e, finalmente, o 25 de xullo, o Grupo de Música Antiga 1500.

Na presentación do II Festival de Música de Herbón tivo lugar unha actuación de tres integrantes do Grupo de Música Antiga 1500, un dos participantes nesta edición, con Víctor Blanco López, guitarra renacentista; Andrés Díaz Pazos, vihuela e Belén Bermejo López, voz.

Podes seguir toda a información do festival en http://www.asnotasdopemento.com

Celebramos de novo o inicio da campaña pementeira!

Neste 2014 colaboramos de novo co Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón para o acto co que celebramos o novo inicio da campaña pementeira. A data elixida para esta celebración será o vindeiro sábado 14 de xuño, a partir das 20:30 horas. O escenario será o Salón Carlos V do Hotel Monumento de San Francisco en Santiago. Desta forma, homenaxeamos e lembramos a relevancia da casa franciscana na historia do pemento.
cartel
Ao igual que o acto de 2013, esta edición contará de novo cunha actuación musical, a do dúo que formarán a compositora e cantante Iolanda Eiras e o guitarrista Narci Rodríguez. Nesta nova actuación conxunta dos dous músicos, xurdida a raíz de actuacións ligadas ao 150 aniversario de Cantares Gallegos en 2013, interpretarán unha serie de pezas populares e poemas musicados con novas harmonías. Cunha mestura moi persoal de ambos artistas, que fusionan neste traballo a música popular con sons máis contemporáneos, jazz…, Iolanda e Narci interpretarán desde poemas de Rosalía de Castro e Eusebio Lorenzo Baleirón ata pezas tradicionais, como a súa versión persoal da Nosa Señora da Barca. Para a ocasión, preparan tamén unha adaptación musical do poema “Se por Herbón falase o Ulla”, do veciño de Rois Marcelino Vidal Romero, unha achega deste último á obra “Alén do Silencio”, proxecto poético colectivo do poeta lugués José Estévez no que tamén colaborou a Fundación Rosalía de Castro.

Por outro lado, e baixo a dirección de Ramón Torrente (Andamiaxe Innova SL), levarase a cabo unha representación escénica que leva por título: Un pobo unido abre as portas ao futuro do pemento de Herbón, en homenaxe a todas as persoas que loitaron dende fai moitos anos por potenciar a promoción e garante do cultivo tradicional do pemento de Herbón. Esta representación conxuga elementos audiovisuais e artísticos que simbolizan a chegada cada ano dunha nova campaña do pemento a aldea de Herbón. Durante a mesma resaltaranse a laboriosidade da recolleita do pemento e a venta do mesmo. Como eixo vertebrador, farase fincapé na unión do pobo e a importancia do traballo cooperativo, “porta con porta”, para conseguir a forza necesaria para seguir ofrecendo un futuro próspero o pemento de Herbón.

Compartimos a boa nova que hoxe nos chega do Seminario Galego de Educación para a Paz

D. ROBERTO FREIRE HERNANDO, Ex- Prior do Convento Franciscano de Herbón, PREMIO PORTAPAZ 2013.

A Xunta Directiva do Seminario Galego de Educación para a Paz, reunida onte, 14 de Xaneiro, en Santiago de Compostela, por unanimidade, acordou:

“Conceder o PREMIO PORTAPAZ 2013 a D. Roberto Freire Hernando, ex- prior do Convento Franciscano de San Antonio de Herbón en Padrón, polo seu compromiso persoal cos valores da paz, da concordia, do entendemento e do diálogo, particularmente, coas distintas entidades sociais que confluíron (e conflúen) no proxecto de Herbón, polo seu apoio constante á iniciativa do Lar da Paz que o Seminario Galego de Educación para a Paz e a Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos teñen para aqueles magníficos espazos na beira do Ulla, así como pola súa labor para que fosen declarados Ben de Interese Cultural (BIC).

Por todo o anterior, e porque encarna humildemente na súa persoa os valores franciscanos de Paz e de Ben, esta Xunta Directiva, acorda por unanimidade, concederlle a D. Roberto Freire o PREMIO PORTAPAZ 2013″.

O Premio Portapaz consiste nunha figura escultórica e o Cerificado que o acredita, desde xa, como Socio de Honra do Seminario Galego de Educación para a Paz.

Será entregado o vindeiro 30 de Xaneiro, Xoves, Día Escolar pola Paz, aniversario da morte de Gandhi, no transcurso dun acto público conmemorativo que terá lugar no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia, na Rúa do Vilar, en Santiago de Compostela. Con posterioridade haberá unha Cea de Confraternidade co galardoado.

Image

Obradoiro de conservas vexetais

O vindeiro sábado 18 imos ata a veciña Carcacía para colaborar coa Sociedade nun obradoiro de conservas que comezaremos, nesta primeira xornada, pola conxelación. A actividade é gratuíta para os socios/as de Sementar e da Sociedade de Carcacía. Veña! xa vos podedes apuntar!Image

En clave femininia e rosaliana

…así soará o noso sexto Concerto de Nadal!

Neste 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos pecharemos o ano cantándolle a Rosalía, e con voz de muller. Xa está todo preparado e só nos queda agardar con ansia o 22 de decembro. Ás 19:00 horas sentaremos na igrexa do convento de Herbón a escoitar “Na lingua que eu falo (Galaxia, 2013)” último traballo da compositora galego-palestina Najla Shami. Agardámoste!

Image

Najla Shami
Cantora e compositora nacida en Compostela, filla de tres culturas: palestina, galega e arxentina, creceu entre Galiza e Kuwait. Interesada pola música desde a infancia, comeza a estudar e cantar con 9 anos, facendo parte de diversos coros polifónicos e formacións de música tradicional galega. Nesa altura crea as súas primeiras cancións, mais é aos 17 anos, idade á que empeza a tocar a guitarra, cando as súas composicións viran máis persoais e a súa voz vese influenciada por estilos coma o jazz, funk e world music.

En 1997 decide estudar música moderna e educación musical afondando na técnica vocal e na súa pedagoxía, actividade que a levará a países coma Noruega, EUA, Xordania, Kuwait, India, Inglaterra, Portugal e España.

Entre 2003 e 2011 colabora na publicación de diversos traballos: The past to come (Enterphonics, 2003), coa banda de acid-jazz Cinnamon Gum; Ben Deitei (Ouvirmos, 2010), coa Safari Orquestra; e Haikus (Inquedanzas Sonoras, 2011), con Lobalú, entre outros.

Gradualmente incorpora novas influencias na súa linguaxe, achegando sonoridades de Portugal, Brasil e África que mestura coas súas raíces e co jazz, e imprimen unha profunda pegada na súa evolución. Desta nova etapa xurde a colaboración co multiinstrumentista Sérgio Tannus no álbum Son Brasilego (Fol Música, 2012), a gravación do libro-disco e documental CoraSons (Kalandraka, Afrontamento, 2013) e a participación en festivais como “Estou Lá, Festival da Lusofonía” ou “Terra da Fraternidade, Homenaxe a Zeca Afonso”.

Xullo é o mes de lanzamento da súa estrea en solitario, o libro-disco Na lingua que eu falo (Galaxia, 2013), no que afonda na obra da escritora Rosalía de Castro. Unha selección de dez temas que reúne sete poemas da autora galega con música orixinal, dúas novas creacións e unha revisión do clásico Negra Sombra. Un traballo no que a compositora galego-palestina procura o diálogo entre as súas orixes e as súas referencias actuais.

Nova xornada de apicultura

O próximo sábado 23 de novembro no convento de Herbón temos unha nova xornada de iniciación á apicultura, impartida por Ester Ordóñez Dios, da Agrupación Apícola de Galicia. Teremos de 10:00 a 14:00 clase teórica e de 16:00 a 19:30 clase práctica. O prezo para as persoas que non sexan socias de Sementar é de 10 euros, podes confirmar asistencia en sementar@gmail.com. As prazas son limitadas.

2CursoApicultura