• Este é o blog de Sementar, unha asociación que pretende darlle vida ao convento de Herbón e aproveitar as súas posibilidades para desenvolver proxectos ambientais, sociais e culturais, relacionados principalmente coa agricultura e a gandería ecolóxicas e a recuperación do patrimonio.
  • O noso Facebook

Así foi a presentación da crónica de Herosa

Image

Agradecid@s a cantos pasáchedes onte polo Casino de Padrón a coñecer un pouco máis da nosa historia, moi especialmente á Sociedade Cultural Padronesa por colaborar con nós na organización deste acto e a José García Oro, Hipótilo Barriguín Fernández, Carlos Beiró Piñeiro, Anxo Angueira Viturro, Christine García López e Eliseu Mera e Severino Ortiz por traernos as vosas palabras e música. Tamén, como non, aos antigos alumnos de Herbón que onte fixeron quilómetros para vir recordar con nós outros tempos en Herbón.

Se non puideches vir, estás a tempo de mercar Memorial de las cosas notables de este colegio de Herbón nas librerías Sar e Pensamentos de Padrón ou enviarnos un correo a sementar@gmail.com para que che poidamos achegar un exemplar.

HerosaCasino2 HerosaCasino3  HerosaCasino4 HerosaCasino5 HerosaCasino6 HerosaCasino7

Abrimos as páxinas da crónica de Herosa… e demos cun anaco da nosa historia

Entre 1756 e 1759 Fray Antonio de Herosa, que fora gardián e cronista da casa franciscana de Herbón, procurou no arquivo do colexio seminario os documentos e anotacións que, xunto co que escoitou e experimentou naqueles anos, lle serviron para tecer este “Memorial de las cosas notables de este colegio de Herbón”. Máis de 250 anos despois, e grazas á transcrición e notas coas que José Luis Soto Pérez preparou esta edición, temos por fin a oportunidade de acceder á mellor herdanza que nos puido deixar.

Desde a fundación do convento franciscano de Herbón, en 1396, e ata mediados do XVIII, Herosa deixou constancia neste Memorial dos capítulos máis importantes da historia da casa. Fíxoo, a modo de manual, para “los reverendos guardianes de el, a fin de estar prevenidos para todos los lances que se le ofrezcan, y se tocan en este memorial, así cuanto a lo antiguo, como cuanto a lo moderno”. Mais, aínda que non fose a súa intención primeira, nas súas notas deixou tamén escrita parte da historia das terras de Iria. Centos de datos de interese económico-social, a descrición de Herbón naquela época, a relación dos relixiosos cos seus veciños… grazas ao inxente traballo de documentación de Herosa, e ao posterior de José Luis Soto, rescatamos hoxe un anaco importante da nosa memoria.

Convidámosvos á súa presentación o vindeiro venres día 1, ás 20:30, no Casino de Padrón.

cronica

Ángeles de Compostela en Herbón

Por quinto ano consecutivo volvemos a celebrar o tempo de Nadal en Herbón coa celebración dun novo concerto! convidámosvos a todas e todos, o domingo 23 de decembro, ás 7 da tarde, a achegarvos á igrexa do convento dos franciscanos de Herbón para gozar da actuación da escolanía da Catedral de Santiago, Ángeles de Compostela.
escolania_anxeles_compostela
Refundada no ano 2008, a escolanía Ángeles de Compostela é un dos coros con máis historia Santiago.

Desde esa data, e á parte das súas actuación regulares en actos litúrxicos dentro da catedral, actuou tamén en acontecementos como a visita do Papa (S.S. Benedicto XVI) conxuntamente coa Real Filharmonía de Galicia, dirixidos por Maximino Zumalave; no II Festival “Peregrinos Musicales” organizado pola Fundación Internacional Vladimir Spivakov en España; no concerto benéfico a favor de Mans Unidas (Consello da Cultura Galega, xaneiro de 2012) e noutros concertos celebrados en diversos lugares de la xeografía galega.

O coro, que na actualidade está integrado por uns 25 membros (nenas e nenos de idades comprendidas entre os 8 e  os 16 anos), diríxeo desde a súa refundación D. José Luis Vázquez, director tamén dos Nenos Cantores da Orquestra Sinfónica de Galicia, que actuaran neste mesmo concerto de Nadal en Herbón, no ano 2009.

Ángeles de Compostela pretende ser un verdadeiro centro de canto coral e lugar de formación tanto musical como de novas voces. Agardamos que vos pasedes por aquí para comprobalo en directo!

PROGRAMA

Obradoiro de reciclaxe creativa

Non  sabes que facer con tantas bolsas de plástico? Tes camisetas vellas pola casa? Queres aprender a transformalas? Apetéceche compartir unha infusión mentres aprendes e conversas? Se a túa resposta é si entón só tes que inscríbete no obradoiro de reciclaxe creativa que imos levar a cabo en Sementar, en colaboración co eco centro Terraviva de Padrón enviándonos un correo a sementar@gmail.com ou chamando ao 678 268 922. Tamén te podes informar en Terraviva, Avenida do Sar nº 41, baixo – Padrón. Duración 4 horas. Prezo 10€ (soci@s de Sementar de balde). Apúntate xa! as prazas son limitadas.

imx

Curso de iniciación á apicultura

Este sábado 30 de xuño no Convento Franciscano de Herbón temos un curso de iniciación á apicultura impartido por Ester Ordóñez Dios, da Agrupación Apícola de Galicia. Teremos de 10:00 a 13:30 clase teórica e de 16:00 a 20:00 clase práctica. O prezo para as persoas que non sexan socias de Sementar é de 10 euros, podes confirmar asistencia en sementar@gmail.com ou no 687 268 922. As prazas son limitadas.

 

 

 

O programa do curso incluirá os seguintes temas:

  • A apicultura: definición,historia e importancia.
  • Morfoloxía e anatomía da abella.
  • Clases de individuos da colmea: a raiña, as obreiras, os abázcaros, a súa misión na colmea. as diferentes razas de abellas no mundo.
  • Diferentes modelos de colmeas, e aparellos de uso frecuente polo apicultor, modo correcto de emprego.
  • O equipo do apicultor/a: traxe, luvas, alzacadros, cepillo, afumador…
  • Instalación do colmear: elección do emprazamento e normativa vixente sobre asentamentos apícolas.
  • Calendario anual de tarefas.
  • Métodos de multiplicación do colmear: enxambrazon natural, creación de núcleos artificiais e paquetes de abellas. cría de raíñas , diferentes métodos de cría e pasos a seguir.
  • Os produtos da colmea: mel, pole, cera ,xelea real, veleno. Procesos de recolección,  conservación e comercialización. Usos e propiedades beneficiosas.
  • Principais inimigos e enfermidades das abellas: profilaxe e tratamentos empregados para o seu control.

A golpe de pedal!

O vindeiro sábado, 2 de xuño os amigos e amigas de AMIPA celebran a V Xornada A golpe de pedal. Pola mañá haberá unha contrarreloxo de ciclistas con discapacidade intelectual e pola tarde… unha ruta cicloturística xela e aberta á participación de todas as persoas que teñan ganas de pedalear; amigos, veciños, pequenos, maiores… Collede a bici e vinde ata Padrón!!! Os nosos amigos e amigas de AMIPA esperánvos!

E para moitas máis actividades coma estas e coñecer mellor o proxecto de AMIPA, xa podedes visitar a súa nova web http://www.asociacionamipa.es

Porque o mar non é o noso vertedoiro!

APRAZAMENTO DA XORNADA DE SENSIBILIZACIÓN MEDIO AMBIENTAL DO 26 DE MAIO. PRAIA DE NEMIÑA. MUXÍA. O Equipo organizador de Agar Agar Surfing Clube e outros colaboradores estiveron estudiando a predicción dos partes meteorolóxicos para o sábado día 26 de Maio, día da Limpeza da Praia de Nemiña. As previsións de tempo non son moi apacibles, pois un frente de nubosidade tocará a costa galega e empañará a xornada de sensibilización medioambiental prevista para o sábado. Para Agar Agar Surfing clube resulta imprescindible que a xornada se desenvolva nun día apacible, que teñamos posibilidades de compartir a experiencia e falar un rato entre todos. Cecáis aos que nunca practicaron surf, teñan a oportunidade de facelo, e poder coñecer outros arenais e lugares fermosos da zona como por exemplo o Faro Touriñán. Polo tanto, aprazamos a Xornada de “Sensibilización Medio-ambiental: Reduce a túa huella de plástico” ata novo aviso. O Equipo de Agar Agar Surfing Clube.

————————————————————————————————————-

O noso amigo de Viravolta, Ángel Liste, tamén coordinador do proxecto Agar Agar Surfing Club convídanos a unha xornada de sensibilización medioambiental sobre os residuos plásticos acuáticos no noso litoral. A acción consistirá nunha limpeza e recollida de residuos plásticos enmarcada na campaña “Iniciativas Oceánicas 2012. Reduce tu huella de plástico”. Durante a limpeza, o equipo organizador informará sobre a problemática dos residuos acuáticos e proporcionará consellos prácticos de comportamentos eco-cidadáns. O 26 de maio na Praia de Nemiña en Muxía. Anímate! tes máis información na páxina de Agar Agar Surfing Club.

Patrimonio, cultura, proxectos sociais, posta en valor do noso medio… deixamos pasar a oportunidade?

O Seminario Galego de Educación para a Paz vén de publicar unha carta de solicitude para que o Convento de Herbón sexa declarado Ben de Interese Cultural pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Se ti tamén pensas que a defensa do patrimonio e dos proxectos comúns, sociais, sostibles e de fomento da paz e dos nosos valores culturais deben estar por encima dos intereses particulares xa podes asinar a carta de petición do Seminario.

Subimos a Castro Valente?

Esta fin de semana imos facer unha pequena gran viaxe que hai tempo que tamén nos ten comida a cabeza. Se queredes subir con nós ata Castro Valente non tedes máis que estar o sábado ás 10.30 na carballeira dos franciscanos de Herbón. Se antes de ir queredes saber algo máis, non atopamos pola rede quen nolo contara mellor que Manolo Gago. Mais de seguro que a nosa amiga Nina Alvela tamén nos ha descubrir cousas ben interesantes do que agocha no seu cumio ese monte que temos tan preto e do que tan pouco coñecemos. Esta non será unha excursión sen máis, vinde con nós e comprobarédelo!

Falando do futuro!

Roberto estivo no Preguntoiro de Correo TV falando dos proxecto de Sementar, AGACS, AMIPA, Viravolta, do Seminario Galego de Educación pola Paz… falando do futuro, falando en definitiva do que realmente interesa. Se non o puidéchedes ver, aquí vos deixamos os 15 minutos desta entrevista… aínda habedes descubrir algunhas cousas ben interesantes.