• Este é o blog de Sementar, unha asociación que pretende darlle vida ao convento de Herbón e aproveitar as súas posibilidades para desenvolver proxectos ambientais, sociais e culturais, relacionados principalmente coa agricultura e a gandería ecolóxicas e a recuperación do patrimonio.
  • O noso Facebook

O convento de Herbón

O Convento de San Antonio de Herbón é un mosteiro franciscano situado á beira do río Ulla, na parroquia de Herbón (Padrón). O complexo ocupa 5 hectáreas, e está formado pola igrexa, o convento, as dependencias do que foi un colexio, a horta e o bosque. Trátase dun conxunto que abre infinidade de posibilidades para desenvolver iniciativas nos eidos cultural, social e ambiental. Ese é o obxectivo da asociación Sementar, que traballará en colaboración coa pequena comunidade de frades que reside no convento.

A historia

O convento foi fundado en 1396 por Frai Gonzalo Mariño e Frai Pedro Nemancos, nuns terreos doados polos coengos de Iria. Ata 1700 foi lugar de retiro para a vida dos frades, primeiro co nome de convento de San Francisco e despois xa co de San Antonio, co que se coñece polo menos desde o século XVI.

Desde 1701 foi colexio de misións. En centros coma este pasaban os relixiosos polo menos dous anos antes de ir ás misións a América. Herbón funcionou como tal ata a desamortización de 1835. Para adaptalo á súa nova función o convento reconstruíuse case por completo, cunhas obras que remataron en 1767.

O XIX foi un século turbulento no mosteiro. En 1809 sufriu o saqueo das tropas napoleónicas. Coa Reacción absolutista de 1814, e logo en 1823, foi empregado como cárcere para clérigos liberais.

A desamortización de 1835 supuxo a exclautración dos frades. O convento salvouse da ruína pola intervención do Concello de Padrón, que o administrou ata o 1865. O concello arrendaba o convento e a horta por períodos de tres anos, coa condición de conservalo intacto e non talar o bosque.

Durante vinte anos foi rexido polo Arcebispado de Santiago, que estableceu alí un seminario menor. En 1885 volveron os frades a Herbón, e seis anos despois fundaron o Seminario Franciscano. Aquí comezou a súa historia como centro educativo, que rematou hai apenas uns anos.

dsc_0016

O patrimonio

A maior parte do convento data do século XVIII, agás o claustro, o comedor dos frades e os dormitorios, que son anteriores. Está construído nun estilo austero e funcional, con ausencia de elementos decorativos. No interior garda en cambio preciosos retablos, esculturas e pinturas.

A igrexa construíuse entre 1705 e 1722. É unha nave de cruz latina con bóvedas de cantería sobre arcos faxóns de medio punto. Na sobria fachada destaca o lucernario e o campanario. O interior conserva pezas marabillosas. Unha delas é o órgano, da primeira metade do século XVIII, aínda que completamente reformado en 1923. Outras son os seus nove retablos.

O retablo maior é obra de Xacinto Barrios. Data de 1708 e foi creado seguindo os cánones do barroco. Aquí atopamos as tallas de San Franciso e Santo Antón, realizadas por Xosé Gambino, o gran mestre do rococó galego, que en Herbón realizou algunhas das súas pezas mestras. Os retablos da Dolorosa, a Virxe de Guadalupe, San Diego, San Franciso e San Luis son tamén do XVIII. Na seguinte centuria e en estilo neoclásico talláronse os do Sagrado Corazón e Virxe de Fátima. O de San Bieito é unha adaptación de 1972 dun retablo anterior.

A parte máis antiga do convento é o claustro, que data de 1629, cunha reforma no século seguinte, É de estilo renacentista, moi sinxelo, cun cruceiro no centro do patio e unha serie de retablos nas alas, entre os que destaca o do Sagrado Corazón, de estilo barroco. A sancristía é un dos espazos máis notables, ao contar cunha peculiar bóveda esquifada.

Outros elementos destacados do convento, todos eles do século XVIII, son o segundo claustro, o comedor, a sala gardanal e a imaxe de San Francisco “botando auga polo peito”, situada no adro da igrexa.

dsc_0126

A horta e o bosque

O convento está rodeado por unha muralla de 825 metros de lonxitude, que case circunda os seus terreos. Nese espazo atopamos, ademais das construcións, un amplo espazo de horta e verxel e o bosque.

A horta do convento veu medrar os primeiros pementos de Herbón. Segundo a tradición foron os frades os que trouxeron de América unha especie de guindilla que se adaptou a estas terras transformada no famoso pemento. De aí pasou ás leiras dos veciños, que o seguen cultivando con éxito. Tamén foi Herbón un dos primeiros lugares de Galicia nos que se cultivou a pataca.

Hoxendía no convento de Herbón cultívanse todo tipo de produtos de horta, se ben nos últimos anos cunha produción máis reducida, que en Sementar trataremos de facer medrar de novo. En canto ás froiteiras, no convento de Herbón danse múltiples variedades, desde as máis comúns a outras tan exóticas como a curuba, a parchita, avocados mexicanos, nasis, kumquat, feixoas e goiabas.

Ata non hai moito criábanse animais para o propio sustento dos frades. En Sementar reintroduciremos especies autótonas. Algunhas delas pastarán polo bosque, formado por carballos, castiñeiros e outras árbores. Unha masa forestal que se completa coa carballeira, na que cada ano se celebra a festa do pemento.

A %d blogueros les gusta esto: