• Este é o blog de Sementar, unha asociación que pretende darlle vida ao convento de Herbón e aproveitar as súas posibilidades para desenvolver proxectos ambientais, sociais e culturais, relacionados principalmente coa agricultura e a gandería ecolóxicas e a recuperación do patrimonio.
  • O noso Facebook

O proxecto Sementar

Sementar nace no outono de 2008 como unha asociación cultural e medioambiental vinculada a un espazo privilexiado, o que conforman a horta e o edificio do convento franciscano de Herbón, e a un proxecto que enfocamos en dúas direccións: converter este espazo nun lugar de produción e fomento da agricultura e a gandería ecolóxicas e preservar e poñer en valor o seu rico patrimonio cultural.

En pouco tempo, e grazas ao encontro dun grupo de homes e mulleres con afeccións e proxectos comúns, sentamos as bases do que vai ser o noso traballo no futuro, encamiñado a facer que este sexa un espazo desde onde proxectar ao mundo novas formas de habitar o noso contorno natural e de recuperar e revalorizar a nosa cultura.

laranxas1

Entre as nosas prioridades está fomentar o desenvolvemento e a difusión da agricultura e da gandería ecolóxicas, traballando en paralelo pola recuperación das nosas variedades e razas autóctonas e pola promoción de actitudes responsables e coidadosas co medio natural. Á par, estamos dando tamén os primeiros pasos para recuperar os bens culturais deste conxunto, pensando na súa conservación material pero tamén na súa proxección e divulgación, porque só coñecéndoos e facéndoos máis accesibles imos conseguir que sexan respectados e sentidos como propios.

Ao igual que o lugar no que comezamos esta andaina Sementar é un proxecto aberto no que todas e todos podedes entrar e participar de forma voluntaria e a través de fórmulas moi distintas. Para contactar con nós só tedes que mandarnos un mail a sementar@gmail.com ou chamarnos ao 617 260 670. Agardámosvos en Herbón para ir sementando…

dsc_0031

A %d blogueros les gusta esto: