• Este é o blog de Sementar, unha asociación que pretende darlle vida ao convento de Herbón e aproveitar as súas posibilidades para desenvolver proxectos ambientais, sociais e culturais, relacionados principalmente coa agricultura e a gandería ecolóxicas e a recuperación do patrimonio.
  • O noso Facebook

Herbens Consort: o debut máis especial d’As notas do Pemento

Este venres, a partir das 20.30 horas (ás 20.00 para os que queirades facer unha visita guiada polo convento) tedes de novo unha cita musical no Convento de Herbón. E logo, ao rematar, un petisco de pementos de Herbón regados con viño do país.

Tócalle agora o turno músico-pementeiro a Herbens Consort, formación integrada por Indra Sesti (soprano), Eliseu Mera (barítono e director artístico deste Festival de Música de Herbón), Diego Rojo (arquilaúde) e Carlos García Amigo, como director musical e nesta ocasión como violagambista.

Herbens Consort nace co propio festival, mais conflúen casualmente e de xeito transversal inquedanzas de todos os seus compoñentes; a exploración e procura de repertorios dos séculos XVII e XVIII principalmente, así como tratar de que cada presenza que teña de xeito público teña componentes atraíntes para a súa audiencia, con formatos de concerto diferentes aos habituais. Estes son dous dos alicerces fundamentais onde Herbens Consort sustenta as súa concepción de grupo musical.

Ao xeito dos pementos de Herbón que lle dán nome, Herbens Consort medrará paseniñamente, pero sen pausa. Vén para quedar, nace con As notas do Pemento e compóñeno músicos que son parte da idea e da alma deste festival. Por todas estas razóns para nós vai ser para Sementar o máis especial dos concertos deste ciclo. Non o irás perder?

eliseu_diego_lete

 

Compartindo saberes… á horta de Xan na Cubela!

Este mércores o Colectivo Lentura, e todas as persoas que queiran unirse, compartirá saberes na horta de Xan na Cubela, en Rois. Desta forma, continua a programación desta actividade coa que Lentura ofrece coñecemento a cambio de coñecemento. Os porqués de Compartindo saberes explícannolos moi ben no seu blog:

  • Porque en Lentura levamos un tempo dándolle voltas – hai certo número de persoas que no lo propuxestes – a iso de dar formación.
  • Porque en Lentura sempre partimos da idea de portas abertas nas nosas casas, como piar básico de confianza entre nós e coas persoas que vos achegastes a nós.
  • Porque partimos de que todas as persoas sabemos, todas podemos contar o que sabemos, independentemente de que unhas teñamos máis ou menos experiencia nuns temas ou noutros, e por tanto, todas temos saberes.
  • Porque entendemos que os saberes deberían compartirse, non comercializarse.
  • Por todo iso, queremos compartir saberes, non dar formación.
  • Por todo iso, en Lentura prestámonos a iniciar un proceso dinámico, no que nos vaiamos atopando persoas que queremos compartir saberes… e seguramente moito máis.

Image

A semana pasada tivemos a sorte de acoller en Herbón unha xornada de elaboración de alimentos moi ben guiada por Pilar, que compartiu no nós os seus “sabores” (andaluces) e nos ensinou como facer pratos ben saborosos e nutritivos con moi pouco gasto.

Convidámosvos a que tamén vos unades a Compartindo saberes en calquera momento do ano, porque a programación completa de 2013 xa está máis que organizada! Parabéns a Lentura por esta iniciativa! agardámosvos para seguir compartindo!

Image

DSC_0564 DSC_0561DSC_0571

E para esta semana unha proposta que une música, poesía, teatro e danza con Esemble Rosa del Ciel

Logo do éxito da xornada inaugural d’As notas do pemento con Ensemble Gioia esta semana visítanos o Ensemble Rosa del Ciel, nacido da vontade latente de tres amigos por experimentar o cancioneiro europeo e as prácticas musicais dos séculos XVI e XVII. Esperanza Mara, Guilherme Barroso e Thiago Vaz, alumnos do curso de Música Antiga da Escola Superior de Música e das Artes do Espectáculo (ESMAE) da cidade do Porto en Portugal e artistas multifacéticos propóñennos este venres unha abordaxe artística plural na que se unen música, poesía, teatro e danza. Nós poñemos a visita guiada e A Pementeira os pementos. Acompáñamos!

rosa-del-ciel

Comezamos con… Ensemble Goia!

A primeira actuación d’as Notas do Pemento xa a están a preparar as mozas e mozo de Ensemble Gioia, un grupo de cámara constituído por seis músicos que pertencen á Banda de Música de Noia. O seu proxecto nace froito das inquietudes musicais dos seus compoñentes e da invitación de “As notas do pemento” Festival de Música de Herbón, evento no que realizarán a súa presentación pública este venres ás 20:30.

O grupo está formado por:

  • Belén Freire Vilas – flauta traveseira
  • José Manuel Quintián Agrafojo – trompeta
  • Natalia Insua Lorenzo – saxo alto e clarinete
  • Marta Freire Vilas – saxo alto
  • María Santos López – saxo tenor
  • Ana Moas Romero – violoncello

“Gioia” é unha palabra italiana, lingua na que aparecen a gran maioría de termos musicais, que significa “alegría” e simboliza a actitude que o Ensemble Gioia mantén respecto da música así coma a sensación que busca crear no público durante as súas actuacións.

Con esa mesma alegría vos agardamos en Herbón!!

Image

Onde vas mercar o teu bono?

As Notas do Pemento andan afinándose xa e mentres tanto desde Sementar e ONDe hai MÚSICA seguimos a facilitarvos a compra dos bonos que por só 10 euros dan acceso aos 5 concertos do ciclo coa posibilidade de visita guiada previa e convite de pementos final. Quen ofrece máis por menos?

Podes atopalos xa en:

Herbón

Hospital de peregrinos Santo Antonio (aberto todos os días de  16:00 a 22:00 horas)

Carcacía

Casa de turismo rural Marcelo

Padrón

Casa Museo Rosalía de Castro

Bar O Rincón

Café Bar Retro-Visor

Casa do Patín

Librería Pensamentos

Librería Sar

Cafetería da Sociedade Cultural Padronesa (O Casino)

Centro veterinario Padrón

Pontecesures

Centro veterinario Ulla

Rois

Taberna O Pemento (Seira)

Catoira

Casa de turismo rural Os Migueliños

Cacheiras – Teo

Centro veterinario Sana Sana

Os nosos pementos van dar a nota!

Recibimos xuño con festa… e abrímoslle os brazos ao mes da calor con música da que fai medrar pementos. Esta mañá presentamos en Compostela a programación d’As notas do Pemento e así, entre, cuartetos de vento, piano e gaita, recitais líricos, música barroca (e pementos!) a colleita soará moito mellor!

Seguiremos contándovos cousas, pero para todo o relacionado con este I Festival de Música de Herbón tedes toda a información dispoñible en http://www.asnotasdopemento.com e nas redes sociais en https://twitter.com/notasdopemento e https://www.facebook.com/asnotasdopemento

E lembrade que a partir de mañá tedes as entradas á venta no Hospital de Peregrinos de Santo Antonio de Herbón (en horario de 4 a 10 da tarde, todos os días), grazas á colaboración da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago.

Haberá máis, seguimos dando as notas desde aquí… ata que cheguen os artistas!
Image

Curso de iniciación á apicultura

O próximo sábado 29 de xuño no convento de Herbón temos un curso de iniciación á apicultura impartido por Ester Ordóñez Dios, da Agrupación Apícola de Galicia. Teremos de 10:00 a 14:00 clase teórica e de 16:00 a 19:30 clase práctica. O prezo para as persoas que non sexan socias de Sementar é de 10 euros, podes confirmar asistencia en sementar@gmail.com. As prazas son limitadas.

O programa do curso incluirá os seguintes temas:

  • A apicultura: definición,historia e importancia.
  • Morfoloxía e anatomía da abella.
  • Clases de individuos da colmea: a raiña, as obreiras, os abázcaros, a súa misión na colmea. as diferentes razas de abellas no mundo.
  • Diferentes modelos de colmeas, e aparellos de uso frecuente polo apicultor, modo correcto de emprego.
  • O equipo do apicultor/a: traxe, luvas, alzacadros, cepillo, afumador…
  • Instalación do colmear: elección do emprazamento e normativa vixente sobre asentamentos apícolas.
  • Calendario anual de tarefas.
  • Métodos de multiplicación do colmear: enxambrazon natural, creación de núcleos artificiais e paquetes de abellas. cría de raíñas , diferentes métodos de cría e pasos a seguir.
  • Os produtos da colmea: mel, pole, cera ,xelea real, veleno. Procesos de recolección, conservación e comercialización. Usos e propiedades beneficiosas.
  • Principais inimigos e enfermidades das abellas: profilaxe e tratamentos empregados para o seu control.

Sementar_curso_aPicultura

Xornada de avicultura ecolóxica familiar

O noso vindeiro curso en Herbón será de avicultura ecolóxica familiar. O sábado 15 de xuño, de 10:00 a 14:00, como sempre, na horta do covento de Herbón. Impartirá o curso Pilar García García, veterinaria e coordinadora de Sementar. O prezo do curso son 5 euros, agás para os socios/as de Sementar.

O programa do curso é o seguinte:

  1. Coñecementos básicos sobre as galiñas: anatomía, comportamento, razas autóctonas…
  2. Instalación dun galiñeiro familiar ou de autoconsumo
  3. Cría e recría
  4. Instalacions e equipo
  5. Coidado das aves: alimentación e hixiene

Podes inscribirte como sempre en sementar@gmail.com

Sementar_curso_aVicultura

Comeza a campaña pementeira!

A colleita deste ano vén con retraso, pero non sen festa! Sementar, coa colaboración do Consello Regulador da DOP Pemento de Herbón, comeza este ano a celebrar, porque a ocasión o merece ben, que xa están aquí os pementos de Herbón. Será o vindeiro sábado, 1 de xuño, a partir das 20:30 no Auditorio de Padrón.

Contaremos con algunhas sorpresas e un programa que será, á vez, un acto musical, poético e teatral:

  • Música tradicional
  • Presentación do primeiro documento coñecido sobre o pemento
  • Recital de poemas de Cantares Gallegos coa colaboración de Anxo Angueira e veciños/as de Herbón
  • Miniconcerto: Sonia Bouzada (mezzosoprano) e Lucía Santiago (pianista)
  • Representación escénica “Abrindo campaña”

CartelCampanaPemento

Esta noite tivemos coma sempre os pés na terra!

https://i0.wp.com/www.crtvg.es/files/thumbs/cpntpostervertical.jpg

O programa da TVG “Cos Pés na Terra” emitiu esta noite a reportaxe da súa visita a Herbón. Un desfile de sementeir@s por diante da cámara! Se non puideches velo aquí che deixamos a ligazón do programa.